miércoles, 6 de septiembre de 2017

BENVIDAS E BENVIDOS AO CURSO 2017-18


Despois dun verán reparador, iniciamos un novo curso, pechando aínda o anterior.  Por iso deixo unha información que pode ser de utilidade para o alumnado de 4º ESO que acadou o Título de Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria na convocatoria de setembro:


⤷Se queres cursar Bacharelato debes dirixirte, coa documentación que che entregamos na Secretaria, ao instituto de Bacharelato onde fixeras a reserva de praza, para matricularte.
 
⤷Se queres cursar un Ciclo Formativo de Grao Medio, debes cubrir a solicitude no asistente web https://www.edu.xunta.es/ciclosadmision/, imprimila, asinala e entregala por duplicado en calquera instituto onde se impartan ensinanzas de FP. A solicitude non será válida se non a entregas nun instituto.  Só poderás entregar unha solicitude onde poderás cubrir 5 peticións de centro e ciclo.

      Os prazos do proceso de admisión son os seguintes:

* Entrega de solicitudes de admisión: ata o 8 de setembro ás 13:00 h.
* Adxudicación de prazas: 20 de setembro
* Matrícula no centro adxudicado: do 20 ao 22 de setembro
 
⤷Bolsas e axudas ao estudio: lembra que se continuas estudando en ensinanzas postobrigatorias tes dereito a solicitar unha bolsa do Ministerio de Educación. Debes facelo online: http://www.mecd.gob.es/educacion/mc/becas-generales/2017-2018/estudios-no-universitarios.html.

      O prazo de solicitude remata o 3 de outubro de 2017.








lunes, 26 de junio de 2017

Solicitude de praza na Formación Profesional

Dende hoxe, luns 26 de xuño e ata o martes, 4 de xuño (as 13:00 h.) está aberto o prazo para presentar solicitudes de admisión en todos os ciclos de Formación Profesional, en todos os réximes e modalidades.
Non están incluidos neste prazo os ciclos da Formación Profesional Básica, que teñen a súa propia regulación e prazos distintos  (normalmente a principios do mes de setembro)

A solicitude cubrirase mediante o asistente informático vía web.  Haberá que imprimir o impreso de solicitude, unha vez cuberto, que terá que ser entregado en calquera centro educativo de Galicia con oferta de ciclos de fp.  Este impreso deberá ser entregado no prazo sinalado arriba  (antes das 13:00 h. do día 4 de xullo); sen a entrega nun centro educativo do impreso de solicitude, esta non terá validez.

Instrucións sobre como realizar a solicitude vía web

Instrucións xerais do proceso de admisión

Neste enlace atoparás toda a información sobre o proceso de admisión


Consulta aquí a oferta da fp en Galicia, en todos o réximes e modalidades, por familia profesional ou por provincia e concello.

jueves, 15 de junio de 2017

Aloxamento en Residencias Xuvenís durante o curso 2107-18

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, dispón de instalacións que durante o curso académico funcionan como residencias xuvenís. Como é habitual as ditas instalacións póñense a disposición dos mozos/as estudantes, reservando un 9% das prazas para a mocidade traballadora e  resérvase tamén un 9% para o caso de mozas que sufran violencia de xénero ou para mozos e mozas cuxas proxenitoras a sufrisen.
As instalacións a disposición dos mozos e mozas residentes durante o curso académico ofrecen aloxamento e mantenza, nelas desenvólvese unha serie de actividades e convivencias educativas a través das que se intenta fomentar valores sociais, culturais e deportivos.
Convocatoria para o curso académico 2017/18: 220 prazas, nas seguintes Residencias:
LUGO: Centro Residencial Xuvenil "LUG"
OURENSE:  Florentino L. Cuevillas
VIGO: Altamar

prazo de presentación das solicitudes estará aberto ata o 13 de xullo de 2017.
As solicitudes están dispoñibles na sede electrónica da xunta https://sede.xunta.es, entrando no procedemento BS303B para estudantes e BS303D para traballadores/as.
Requisitos:
- Posuír nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea, ou ser estranxeiro/a residente en España no momento da solicitude de praza.
- Non ter perdido a condición de residente por causa imputable a persoa solicitante.
-Ter os 16 anos cumpridos e non superar os 30, na data do 31 de decembro de 2017.
A mocidade estudante, ademais:
- Cursar estudos de formación profesional ou ciclos formativos, de bacharelato,  estudos universitarios tendentes á obtención do título de grao ou equivalente ou ben, mentres non se xeneralice a implantación dos novos títulos universitarios, estudos universitarios de 1º, 2º ou 3º ciclo nunha facultade ou escola universitaria, ou estudos superiores en ensinanzas artísticas.
- Que no concello onde radique a súa residencia habitual non exista oferta de centros públicos para realizar o curso, nivel ou grao correspondente aos estudos que vaia cursar o/a solicitante. Exceptúase do anterior a realización de estudos universitarios, nos cales o/a solicitante non acade a nota de corte ou puntuación académica mínima esixida para o ingreso nas facultades ou escolas universitarias da localidade de residencia habitual.
A mocidade traballadora tamén deberán cumprir os seguintes:
- Que o lugar de traballo teña o enderezo nun concello distinto ao lugar de residencia habitual da persoa solicitante.
- No caso de que a relación de traballo non sexa fixa ou indefinida terá que ter unha duración mínima de 3 meses contados desde a data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.
- No caso de ser unha persoa traballadora autónoma por conta propia, será necesario que estea dada de alta no réxime de traballadores/as autónomos/as da Seguridade Social, con anterioridade á publicación da presente convocatoria.
Prezo: 
a) Habitación dobre: 324 € por residente e mes. 
b) Habitación cuádrupla: 250 € por residente e mes.
Período de estadía:
O período máximo de estadía das persoas beneficiarias será de 11 meses e estará comprendido entre o 1 de setembro de 2017 e o 31 de xullo de 2018. Exceptúanse os períodos de vacacións de Nadal e Semana Santa.
As persoas beneficiarias que teñan a condición de estudantes, iniciarán e finalizarán a súa estadía na residencia coincidindo co curso académico no que estiveran matriculadas (respectando sempre o período máximo antes indicado) e en todo caso concluirán a súa estadía co remate dos estudos desenvolvidos.
En calquera caso as persoas beneficiarias deberán iniciar a súa estadía na residencia como prazo máximo o 31 de outubro.
Máis información no DOG do 13 de xuño de 2017

Fonte:  www.xuventude.xunta.es

ADMISIÓN EN CICLOS FORMATIVOS DE FP PARA CO CURSO 2107-18

A Consellería de Educación ven de publicar o calendario do proceso de admisión nos ciclos de FP para o curso 2107-18:





Hai que lembrar que os requisitos de acceso a calquera dos réximes e modalidades han de cumprirse no momento de realizar a solicitude.

Máis información en www. edu.xunta.es/fp



O Ministerio de Educación convoca colonias de verán para fomentar a inmersión lingüística en inglés para alumnado de 1º e 2º ESO

O Ministerio de Educación convoca 1000 axudas para a participación nunha das colonias de dúas semanas de duración, organizadas durante o mes de xullo de 2017 nalgunha localidade de España, para alumnos de 1º e 2º da ESO.
Requisitos:
a. Estar matriculado en centros sostidos con fondos públicos durante o presente curso 2016/2017.
b. Obter, como mínimo, notable como nota media do curso 2015/2016.
c. Obter, como mínimo, notable como nota final na materia de inglés no curso 2015/2016.
d. Non ser beneficiario da axuda en convocatorias anteriores.
Estas axudas distribúense en dous grupos:
Primeira quenda para alumnos de 1º da ESO: do 30 de xullo ao 13 de agosto de 2017:
. Grupo I: 300 axudas de ata 476 €.
. Grupo II: 200 axudas de ata 326 €.
Segunda quenda para alumnos de 2º da ESO: do 13 ao 27 de agosto de 2017:
. Grupo I: 300 axudas de ata 476 €.
. Grupo II: 200 axudas de ata 326 €.
GRUPO I
Os solicitantes que a data 31 de decembro de 2016 se encontren nalgunha das seguintes circunstancias, integrarán o denominado Grupo I:
a) Orfandade absoluta do solicitante.
b) Pertencer a familias nas que algún membro estea afectado de minusvalía legalmente cualificada (en grao superior ao 65% para pai/nai/irmáns do solicitante e superior ao 33% no caso de que a padeza o propio solicitante).
c) Pertencer a familias nas que o pai, nai ou titor legal encóntrese en situación de desemprego ou teña recoñecida a incapacidade permanente absoluta.
d) Pertencer a familia numerosa.
e) Pertencer a familia monoparental.
GRUPO II
Os solicitantes que, reunindo os requisitos xerais, non se encontren en ningunha das circunstancias anteriores formarán parte do denominado Grupo II.
As familias se comprometen a
. Trasladar ao seu fillo/a ao lugar onde se desenvolva a colonia e recollelo alí para levalo ao seu domicilio
. Abonar á empresa adxudicataria da organización das colonias:
    - 50€ no caso de que pertenzan ao Grupo I
    - 200 € no caso de que pertenzan ao Grupo II
prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o 29 de xuño de 2017.
Máis información no BOE do 8 de xuño de 2017 e en http://www.educacion.es


Fonte:  www.xuventude.xunta.es

miércoles, 14 de junio de 2017

PROBAS PARA O ACCESO ÁS ENSINANZAS DEPORTIVAS

CONVÓCANSE PROBAS DE ACCESO ÁS ENSINANZAS DEPORTIVAS DE GRAO MEDIO E GRAO SUPERIOR

ACCESO ÁS ENSINANZAS DEPORTIVAS DE GRAO MEDIO: Requisitos:
.- Para o acceso ao ciclo inicial do grao medio (ou 1º nivel): Título de ESO ou equivalente.

    .- Para o alumnado que non dispoña do título da ESO e teña 17 anos ou máis, poderá presentarse a unha proba de madurez.

.- En ambos casos, o alumnado deberá presentarse ademais a unha proba específica ou acreditar méritos deportivos.

.- Consultar outras probas superadas que son equivalentes á proba de madurez

ACCESO ÁS ENSINANZAS DEPORTIVAS DE GRAO SUPERIOR: Requisitos:

Dispoñer do título de técnico deportivo na modalidade deportiva correspondente, superar unha proba específica acreditar méritos deportivos e experiencia, ademais:

       .- Título de Bacharelato ou Título de Técnico Superior ou Título universitario
.- Si non se está en posesión dalgunha das titulacións anteriores, poderase superar unha proba de madurez, sempre que se teñan 19 anos ou máis.
.- Consultar outras probas superadas que son equivalentes á proba de madurez.


PRAZO DE INSCRICIÓN NAS PROBAS:  Do 15 de xuño ao 7 de xullo, na Secretaría do seguintes centros:


Deberán realizarse as inscricións para a proba de acceso no IES Lamas de Abade (Santiago de Compostela), os que desexen cursar as especialidades de Hípica e Vela no CAD Santa Apolonia. 

Deberán realizarse as inscricións no IES Val do Tea (Ponteareas-Pontevedra), os que desexen cursar a especialidade de Hípica no CAD International School Cemar  (Mondariz-Pontevedra)



martes, 13 de junio de 2017

Que estudiar en Galicia?

A web xuventude.net da Dirección Xeral de Xuventude fai unha recopilación dos estudios postobrigatorios que podemos cursar en Galicia  (excepto o Bacharelato).  Como é unha boa recopilación recollemos aquí o enlace, clika na imaxe para acceder.